A Escola de Segunda Oportunidade, impulsada pola Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais en colaboración coa ONG Compostela Solidaria, inicia un novo curso co obxectivo de mellorar a empregabilidade e a inclusión social das persoas adultas sen formación básica. A concelleira María Rozas deu conta hoxe do inicio do novo curso, o próximo 19 de outubro. O prazo de inscrición estará aberto desde mañá ata o próximo día 15.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou hoxe o novo curso da Escola de Segunda Oportunidade. A tenenta de alcaldesa estivo acompañada pola coordinadora do programa, Elena González; o coordinador do equipo docente, Antón Porteiro; e o presidente de Compostela Solidaria, Luis Rivero de Aguilar. Á rolda tamén asistiron os profesores Vicente Moreno, profesor de Física, Jaime Romero, catedrático de Química da USC: Avelino Gallardo, controlador aéreo e profesor de inglés; e Merche Espiño, exprofesora do IES Eduardo Pondal que se encargará da docencia de galego e castelán.

María Rozas, que quixo aproveitar a rolda para lembrar ao vicepresidente de Compostela Solidaria, Carlos Nieves, recentemente falecido; explicou que a Escola de Segunda Oportunidade naceu co obxectivo de “mellorar as habilidades de persoas adultas sen formación básica, e darlles ferramentas necesarias para que poidan obter títulos académicos que poidan incrementar as súas posibilidades de inserción social e laboral”. A concelleira destacou que na escola “non só se traballa o contido curricular, senón que se dan as chaves para afrontar da mellor maneira posible as probas de Competencias Clave ou graduado en ESO”. Ademais, puxo en valor que esta iniciativa “é unha alternativa para as persoas que non acaban de encaixar nos itinerarios de integración social xa existentes, por cuestións de concliación, pola súa metodoloxía ou pola súa rixidez”

Persoas destinatarias

A Escola de Segunda Oportunidade está dirixida a persoas adultas empadroadas en Santiago que se atopen en risco de exclusión social, persoas desempregadas que queiran retornar ao sistema educativo para preparar esas probas; ou a mozos e mozas que abandonaran o sistema educativo sen obter ningún tipo de titulación. 

A actividade comezará o 19 de outubro, ata principios de xuño cando están previstas as probas de Competencias Clave e Graduado en ESO da Xunta de Galicia. As clases terán lugar no edificio CABES de Salgueiriños. Serán os luns, martes, mércores e venres, en horario de 10.00 a 13.00 horas.