A concellaría de Dereitos e Servizos Sociais segue reforzando a súa colaboración coas entidades sociais, e vén de aprobar un convenio, por primeira vez, con ASOTRAME, a Asociación Galega de Persoas con Enfermidades Oncohematolóxicas. O Concello de Santiago farálle unha achega á entidade de 3.000 euros, para o seu programa de atención psicosocial para pacientes nun proceso oncohematolóxico e de transplantes de médula ósea.

A Xunta de Goberno vén de formalizar o convenio entre o Concello de Santiago e ASOTRAME Galicia, que permitirá que a Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais colabore cun programa que ten como obxectivo prestar atención integral ás persoas con enfermidades oncohematolóxicas e ás súas familias e mellorar a súa calidade de vida. No marco deste proxecto, a asociación ofrece acompañamento emocional mediante sesións individuais de apoio psicolóxico, e tamén atención social para asesorar ás persoas con estas doenzas sobre os recursos e prestacións aos que poden ter acceso. O programa desenvolveráse en distintos espazos municipais, e tamén no espacio asociativo do CHUS.

Atención ás persoas sen fogar

A Xunta de Goberno de hoxe aprobou diferentes convenios impulsados pola Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas máis vulnerables. Así, aprobouse o convenio de colaboración entre o Concello e Cáritas que supón unha achega de 120.000 euros para o desenvolvemento de dúas accións diferentes: o programa de atención primaria e o programa de vivendas de transición á autonomía para persoas sen fogar; e déuselle luz verde ao convenio coa Cruz Vermella para o Servizo Municipal de Urxencias Sociais, SEMUS, con unha partida de case 125.000 euros. Tamén coa Cruz Vermella, aprobouse o convenio para a execución dos programas de teleasistencia a atención ás persoas sen fogar, que supón unha achega de 100.000 euros.

Ademais, aprobáronse o convenio coa Cociña Económica de Santiago, por un importe de 70.000 euros; e co Banco de Alimentos Provincia da Coruña, con unha dotación de 5.000 euros. 

Por último, a Xunta de Goberno de hoxe deulle luz verde ao convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e ASPANAES, a Asociación de Pais e Nais de Persoas con Autismo, que suporá unha achega de 10.000 euros para o programa de apoio familiar que vén desenvolvendo a entidade.