A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, deu conta do procedemento para a posta en marcha do Consello Municipal da Infancia acompañada pola xefa de servizo de Servizos Sociais, Teresa Furelos, e por Ismael Blanco, da consultora Deloga, que se ocupará de dinamizar o proceso participativo. A tenenta de alcaldesa puxo en valor “a aposta que vimos facendo pola participación neste mandato, no que reactivamos o Consello Municipal de Maiores, recuperamos o Consello Municipal de Cooperación e actualizamos o regulamento do Consello Municipal de Mocidade despois de 25 anos, ademais de impulsar outros procesos como os Orzamentos Participativos”. Rozas explicou que “era a quenda da infancia, un colectivo prioritario para a Concellaría de Servizos Sociais ao que lle temos que garantir o dereito á participación da mesma maneira que procuramos garantirlle o dereito á educación ou á saúde”.
Proceso participado
O Consello Municipal da Infancia será un órgano consultivo no que os nenos e nenas poderán expresar as súas preocupacións, formular as súas propostas, ou participar no deseño das accións que lles afectan de maneira directa; ao tempo que reforzan a aprendizaxe en valores democráticos.
Para a súa creación, desde a Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais estase a impulsar un proceso participativo que implicará a todos os centros educativos de educación primaria de Santiago, as ANPAS e as entidades do terceiro sector e organizacións do tecido asociativo vinculadas á infancia. A folla de ruta establecida prevé distintas fases de traballo. A primeira será a da presentación da iniciativa aos centros educativos, e para iso xa está convocada unha primeira xuntanza que se celebrará o 3 de febreiro. Haberá ademais sesións informativas dirixidas ao profesorado e reparto de materiais explicativos para as familias. Posteriormente realizaranse encontros co alumnado nos centros para explicar o proxecto, motivar a súa implicación e recoller propostas iniciais.
A seguinte fase será a da creación dun grupo impulsor, do que poderán facer parte nenos e nenas de entre 9 e 12 anos, é dicir de 4º, 5º e 6º de Primaria, ben por iniciativa propia ou a proposta do profesorado, das ANPAS ou das entidades sociais. O traballo deste grupo impulsor definirá como vai funcionar o Consello da Infancia, que temas se tratarán nel, ou como se organizarán as reunións; ademais de traballar no futuro regulamento do Consello que deberá ser aprobado polo Pleno da Corporación. O obxectivo é que o proceso estea culminado, coa constitución formal do Consello Municipal da Infancia, antes de que remate este curso. Os rapaces e rapazas do grupo impulsor poderán facer parte inicialmente do órgano como conselleiros e conselleiras infantís.
Ademais de recoñecer a participación dos nenos e nenas como un dereito fundamental, o Consello da Infancia promoverá a igualdade de oportunidades, reforzará valores como a cohesión social e a corresponsabilidade, permitirá mellorar as políticas públicas incorporando a visión da infancia, e permitirá establecer canles de colaboración entre centros educativos, familias, profesorado, entidades sociais e administración local.
Para participar no proceso ou solicitar máis información habilitáronse o mail conselloinfancia@santiagodecompostela.gal e o teléfono 604 04 73 37.
Os nenos e nenas de Santiago toman a palabra: comeza o proceso para a creación do Consello Municipal da Infancia
