Abre o prazo de inscrición na Escola de Segunda Oportunidade dirixida a adultos sen formación básica

08/10/2025 | Novas

A concelleira María Rozas presentou hoxe o programa, dirixido a persoas adultas que queiran obter o título da ESO ou o certificado de Competencias Clave, en especial a aquelas que se atopan en situación ou risco de exclusión. As clases comenzarán o próximo 20 de outubro. 

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, deu conta do inicio do novo curso na Escola de Segunda Oportunidade, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada polo docente coordinador do programa, Antón Porteiro, a técnica do Plan de Inclusión do Concello de Santiago, Elena González, e o vicepresidente de Compostela Solidaria, Carlos Nieves. Tamén asistiron os profesores Antonio Segura,  exdecano da Facultade de Bioloxía; Jaime Romero, catedrático de Química da USC: Avelino Gallardo, controlador aéreo e profesor de inglés; e Merche Espiño, exprofesora do IES Eduardo Pondal.

A tenenta de alcaldesa salientou “a ampla experiencia educativa do claustro de profesorado co que conta a Escola de Segunda Oportunidade, que é unha garantía de que o alumnado acade os seus obxectivos académicos”. María Rozas explicou que esta iniciativa “tén como obxectivo reforzar a formación para lograr a inclusión laboral do alumnado”. Neste sentido, lembrou que “segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística, a taxa de paro de longa duración é de case o 7% entre as persoas que remataron o seus estudos na Primaria ou na primeira etapa de Secundaria; fronte ao 4% das que completaron a segunda etapa da Secundaria; e o 2,4% da taxa de paro de longa duración entre as persoas con estudos de nivel superior”. En Santiago, segundo os últimos datos recollidos no Pacto Local polo Emprego, case o 50% das persoas paradas teñen baixas cualificacións. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais explicou que estes datos “foron os que nos levaron a reforzar, xa desde o ano pasado, a Escola de Segunda Oportunidade, procurando chegar a un maior número de persoas, sobre todo entre os colectivos máis vulnerables”.

O coordinador do programa, Antón Porteiro, explicou que o programa “é tamén de especial interese para a poboación migrante, sobre todo para aquelas persoas que chegan a Santiago sen papeis e non poden homologar os seus estudos”. 

Pola súa banda, o vicepresidente de Compostela Solidaria, Carlos Nieves, agradeceu o apoio do departamento de Servizos Sociais, e puxo en valor o papel do profesorado “totalmente implicado e cunha enorme vocación”.

A Escola de Segunda Oportunidade está dirixida a persoas adultas empadroadas en Santiago que estean interesadas  en preparar as probas de ESO ou as competencias clave, que abandonaran o sistema educativo sen obter ningún tipo de titulación ou que retornen ao sistema educativo. O obxectivo é incrementar o nivel formativo das persoas participantes, cunha orientación práctica para que, ademais de adquirir e mellorar as súas habilidades de lectura, escritura e cálculo, poidan superar as probas organizadas polas autoridades educativas ou laborais e mellorar, polo tanto, as súas posibilidades de inclusión social e laboral. Nese sentido, nas clases trabállase sobre as materias e os coñecementos, pero tamén sobre a estrutura e a mellor maneira de afrontar esas probas para incrementar as posibilidades de éxito. 

As clases da Escola de Segunda Oportunidad comezarán o próximo día 20, e impartiránse todos os  luns, mércores e venres, en horario de 10:00 a 13:00 horas na Casa das Asociacións de Benestar Social, CABES, en Salgueiriños. 

A inscrición estará aberta desde mañá ata o día 17, no correo electrónico plandeinclusion@santiagodecompostela,gal ou nos teléfonos 618 21 28 59 e 639 77 54 91 (de 9 a 14h) 

Servizo Municipal de Urxencias Sociais do Concello de Santiago de Compostela

Servicio 365 días do ano

Horario
Luns a venres de 15:00 a 8:00 h. e as 24 horas dos días non laborables.

Teléfono
112 Emerxencias
981 54 23 23 Policía Local

Que é?

É o Servizo Municipal de Urxencias Sociais de Concello de Santiago. Ofrece unha atención especializada de xeito inmediato ás persoas que, de forma imprevista, se atopen en situación de vulnerabilidade social. Os obxectivos son complementar a atención dos Servizos Sociais Municipais nos horarios nos que estes non están operativos, así como apoiar o labor realizado pola Policía Local, Bombeiros e Protección Civil cando no desenvolvemento das súas función se presenten problemáticas sociais que requiran inmediatez e sistemas especializados de resposta.

  • Activación en caso de urxencias sociais
  • Rutas coa unidades móvil para dar apoio ás persoas sen fogar.
  • Dispositivo especial de atención a persoas sen fogar ante climatoloxía adversa.
Como se activa?

Pode ser activado por:
-Calquera cidadán que observe unha situación de vulnerabilidade ou desprotección nunha persoa.
-A persoa que se sinta en situación de desprotección ou vulnerabilidade social.

    Chamando a:

  • 112 Emerxencias
  • 981 54 23 23 Policía Local