O Concello ofertará o servizo de Xantar na Casa “para seguir avanzando na atención ás persoas maiores e dependentes”

17/12/2024 | Novas

O Concello de Santiago ven de adherirse ao programa “Xantar na Casa”, para garantir unha alimentación equilibrada e de calidade ás persoas maiores ou dependentes. A Xunta de Goberno aprobou o correspondente convenio de colaboración co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia, cunha vixencia de catro anos. Do acordo deu conta a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas.

A tenenta de alcaldesa explicou que “mellorar a atención ás persoas maiores e dependentes é un dos obxectivos prioritarios da Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais”. María Rozas sinalou que “coa adhesión ao programa Xantar na Casa procuramos atender as necesidades destes colectivos en canto á súa alimentación, posibilitando a permanencia destas personas nos seus propios fogares, mantendo ao máximo a súa independencia, evitando situacións de risco asociadas á cociña, e mesmo facilitando un respiro ás súas coidadoras”. Para a concelleira, “este programa, que viña sendo demandando por moitas familias, é un bo complemento para o Servizo de Axuda no Fogar que reforzamos notablemente co novo contrato, e permítenos seguir mellorando a vida da veciñanza”.

Tal e como se recolle no convenio co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, o programa terá un máximo de 60 persoas beneficiarias, seleccionadas polos servizos sociais municipais. María Rozas explicou que “a intención do Concello é que ese número de prazas se vexan ampliadas, mais entendemos que o Consorcio queira comprobar primeiro a acollida do programa”.

Os xantares entregaranse nun único día á semana, e as persoas beneficiarias recibirán no seu domicilio como máximo 7 e un mínimo de 5 bandexas diferentes co xantar para cada día da semanaTamén se facilita frigorífico e microondas no caso de que os fogares das usuarias non dispoñan deses electrodomésticos. O prezo do xantar está fixado en 7,50 euros por persoa e día, dos que o 46,6% é achegado pola Xunta, mentres que a persoa beneficiaria e o Concello achegan o 26,6% cada parte. A concellaría de Dereitos e Servizos Sociais prevé, ademais, asumir unha exención do 100% para as persoas en situación de vulnerabilidade que acrediten que os recursos económicos mensuais da unidade familiar de convivencia sexa inferior ao 100% do IPREM, “unha proposta que é novidosa con respecto ao que acontece noutros municipios”. O Concello destinará a este programa 233.600 euros. 

A previsión do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar é asinar o convenio nas próximas semanas. Será entón cando a Xunta de Goberno aprobe as bases e o procedemento de inscrición para a súa publicación.

Servizo Municipal de Urxencias Sociais do Concello de Santiago de Compostela

Servicio 365 días do ano

Horario
Luns a venres de 15:00 a 8:00 h. e as 24 horas dos días non laborables.

Teléfono
112 Emerxencias
981 54 23 23 Policía Local

Que é?

É o Servizo Municipal de Urxencias Sociais de Concello de Santiago. Ofrece unha atención especializada de xeito inmediato ás persoas que, de forma imprevista, se atopen en situación de vulnerabilidade social. Os obxectivos son complementar a atención dos Servizos Sociais Municipais nos horarios nos que estes non están operativos, así como apoiar o labor realizado pola Policía Local, Bombeiros e Protección Civil cando no desenvolvemento das súas función se presenten problemáticas sociais que requiran inmediatez e sistemas especializados de resposta.

  • Activación en caso de urxencias sociais
  • Rutas coa unidades móvil para dar apoio ás persoas sen fogar.
  • Dispositivo especial de atención a persoas sen fogar ante climatoloxía adversa.
Como se activa?

Pode ser activado por:
-Calquera cidadán que observe unha situación de vulnerabilidade ou desprotección nunha persoa.
-A persoa que se sinta en situación de desprotección ou vulnerabilidade social.

    Chamando a:

  • 112 Emerxencias
  • 981 54 23 23 Policía Local