O pasado martes 5 de maio celebrouse a segunda xuntanza do grupo impulsor do futuro Consello Municipal da Infancia de Santiago de Compostela, unha iniciativa promovida polo Concello de Santiago que ten como obxectivo constituír este órgano participativo no mes de xuño de 2026.
A sesión contou coa participación de 48 menores procedentes de diferentes centros educativos da cidade que decidiron sumarse a este proceso pioneiro en Santiago de Compostela. A través destas xuntanzas, búscase crear un espazo estable de participación no que as nenas e nenos poidan expresar as súas opinións, formular propostas e contribuír activamente ás políticas públicas locais.
O proxecto está impulsado pola Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude e estará dirixido ao alumnado de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria.
O futuro Consello Municipal da Infancia nace coa vontade de converterse nun órgano formal de participación cidadá que dea voz á infancia compostelá e favoreza a súa implicación na vida municipal, promovendo valores de cidadanía democrática, participación e corresponsabilidade.
Desde o Concello de Santiago quérese destacar e agradecer a ampla participación rexistrada neste proceso, así como a implicación e o compromiso amosado tanto polas nenas e nenos participantes como polas súas familias e polos centros educativos da cidade. O interese suscitado nesta segunda xuntanza consolida o avance dunha iniciativa que busca construír un modelo de cidade máis participativo, inclusivo e atento ás necesidades da infancia.
