Medio cento de nenos e nenas de diferentes centros educativos de Santiago participan no grupo impulsor para a creación do Consello Municipal da Infancia, que ven de celebrar a súa primeira xuntanza na Casa das Asociacións de Benestar Social. A reunión estivo presidida pola concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, María Rozas.

O grupo impulsor do Consello Municipal da Infancia está formado por alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria, é dicir, de entre 9 e 12 anos, que quixeron participar no proceso ben por iniciativa propia ou a proposta do profesorado, das ANPAS ou de entidades sociais vinculadas á infancia. Serán estes nenos e nenas os que nas próximas semanas definan como vai funcionar o órgano de participación, que temas se tratarán nel, ou como se organizarán as reunións. O grupo impulsor traballará tamén no futuro regulamento do Consello que deberá ser aprobado polo Pleno da Corporación. O obxectivo é que o proceso estea culminado, coa constitución formal do Consello Municipal da Infancia, antes de que remate este curso. Os rapaces e rapazas do grupo impulsor poderán facer parte inicialmente do órgano como conselleiros e conselleiras infantís.

Na primeira reunión do grupo impulsor, celebrada na tarde de onte, participaron preto de medio cento de nenos e nenas de diferentes centros educativos de Santiago. A xuntanza serviu como presentación e primeira toma de contacto entre os rapaces e rapazas, para explicarles mellor que é o Consello Municipal da Infancia, e para que os nenos e nenas empezaran a definir cales son as súas preocupacións e temas de interese.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais explicou que “o Concello quere garantir o dereito á participación dos nenos e das nenas, da mesma maneira que se lles garante o dereito á educación ou á saúde”. María Rozas reivindicou que “a infancia tén que ser escoitada, debe expresar por sí mesma as súas preocupacións, formular as súas propostas, ou participar no deseño das accións que lles afectan de maneira directa”. Ademais, a tenenta de alcaldesa apuntou que o Consello promoverá a igualdade de oportunidades, reforzará valores como a cohesión social e a corresponsabilidade, permitirá mellorar as políticas públicas incorporando a visión da infancia, e permitirá establecer canles de colaboración entre centros educativos, familias, profesorado, entidades sociais e administración local.